PREMIOS DO CERTAME DE RELATOS DE SAMAÍN


“A viaxe maldecida pola meiga” (José Alejandro Ferreiro Abal, 3º ESO B)                                                                
María foi despedirse do seu marido Manolo, que partía nunha viaxe de seis meses nun barco pesqueiro da ría de Muros e Noia.
Cando María regresaba á casa, encontrouse no camiño cunha vella que lle advertiu que o seu marido ía morrer por  saír ao mar no Día de Defuntos. A señora, que non era supersticiosa, respondeulle que non (lle) dixese parvadas. Aos poucos días, María recibiu a noticia do naufraxio do barco en que faenaba o seu marido e tamén soubo que este se encontraba entre os afogados.
Pasados uns días, despois do funeral, María encontrouse de novo con aquela anciá, que desta vez lle espetou: “Aviseite! Agora unha maldición caerá sobre ti por burlarte dunha vella”. A muller afastouse e María, outra vez, non deu creto ás súas palabras.
De camiño á casa e coa noite enriba, María divisou na distancia unhas candeas prendidas que se movían nunha longa fila, que se perdía na escuridade. Sorprendida, tentou descubrir que eran todas aquelas luciñas flotando na noite. Cando se decatou do que era, o súa faciana virou branca como a neve.
Era a Santa Compaña. Todos os defuntos levaban candeas acesas e encabezando a estadea e levando a cruz, descubriu un rostro coñecido. Era a vella!
A anciá achegouse a María e díxolle: “Agora ti tes a maldición, terás que dirixir a Santa Compaña e levar esta cruz ata que atopes outra persoa á quen lle pasar a carga para poder descansar en paz”. Logo diso, a vella desapareceu e María deuse conta do destino que a agardaba.



“Lúa chea” (Andrea Gil Ferreira, 3º ESO B)
Unha noite de lúa chea, como non conseguía durmir, saín camiñar pola vila. Cando pechei a porta da casa, os farois apagáronse, mais eu lonxe, de volver entrar, continuei co meu percorrido pensando no trastes que eran os rapaces da miña vila. Case sen me decatar, introducinme no bosque, onde topei cun can perdido e comecei a seguilo. O can levaba uns axóuxeres pendurados no pescozo e até cando o perdín de vista, puiden continuar detrás del grazas a aquel tintineo. Cando quixen darme de conta, estaba nun antigo cemiterio cheo de campaíñas de aviso nas lápidas. Os cordeis axitáronse e un inquietante ruído encheu o terrorífico espazo. Quixen correr, pero as portas do cemiterio pecháronse. De pronto, a igrexa abriu as portas e dirixinme alí a ver que pasaba. Todo era moi estraño, e aínda así, entrei. Cando os alí presentes se deron conta da miña presenza comezaron a gritar e chorar. Percibín que os meus seres queridos: primos, tíos, avós, a miña familia toda, ficaran arrepiados. Tíñan medo de min. Non tiña idea do que estaba pasando! De pronto vin o ataúde e, dentro, o meu corpo... Con espanto, vin que a miña cara estaba destrozada por unhas horribles feridas, que semellaban feitas polas poutas dun lobo. Non puiden ver máis xa que unhas mans agarráronme e tiráronme do teito da igrexa. Debín quedar inconsciente, mas agora que xa espertei, na caixa da igrexa,  por máis que tiro do cordel da campaíña, ninguén me socorre, só o can ouvea.

Comentarios

Publicacións populares