23A, INICIATIVAS POLO DÍA DO LIBRO
Achégase o 23 de abril, Día Internacional do Libro, e aínda que non poderemos visitar as nosas librarías, coller libros nas bibliotecas ou encontrarnos nas feiras do libro, queremos compartir as iniciativas virtuais que se están a desenvolver estes días para celebrar esta data.
Bibliotecas escolares de Galicia
Por unha banda, como en anos anteriores, unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso ao escritor, xornalista e divulgador da cultura de Galicia, Manuel Gago, creou un texto orixinal para esta data centrándose nas potencialidades do libro e da lectura:
"Cada libro que lemos queda gardado no noso peito como semente, paxaro ou xabarín"
Nesta ligazón podedes atopar o texto completo.
Tamén nos animan a aproveitar esta data para reivindicar algúns dos elementos fundamentais da lectura: libros, autorías e librarías.
Concello de Poio
A Concellaría de Cultura do noso concello propónnos un photocall literario virtual. Amosa o teu libro favorito, disfrazad@ dunha persoaxe literaria, faite un selfie cun cómic, ou fai unha foto divertida na túa libraría persoal. Publica a túa foto en Facebook ou Instagram co hashtag #fotolibro2020. Podes facelo ata o venres ás 00:00 horas, porque o sábado abrirase unha votación na páxina de Facebook de Poio Cultura. As fotos con máis "gústame" serán as gañadoras, e optarán ao premio de tres lotes de libros.
Libraría Paz
A Libraría Paz (Pontevedra) lanza a campaña #oquenosquedaporler por ler a través deste vídeo. Anímannos a facer unha compra anticipada e recollela cando vaiamos volvendo á normalidade. Ademais, están a facer recomendacións lectoras moi interesantes no seu Facebook. Aínda nos queda moitísimo por ler!
Libraría Pedreira
A Libraría Pedreira (Santiago de Compostela) está a desenvolver a iniciativa #LecturasFuxidas, un punto de encontro na rede de fragmentos literarios. A través de vídeos nos que autorías galegas escollen diferentes textos, podemos achegarnos un pouco máis á literatura dende as nosas casas. Podedes velos no seu Facebook e Instagram.
Gálix. Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil
Gálix difunde o manifesto Fame de palabras, que podedes escoitar neste vídeo.
Comentarios
Publicar un comentario